19 mar 2012

Visita: Centro transformación de biomasa

Detalle produto final: "estelas"
A empresa Astigal está especializada no subministro de biomasa para o seu aproveitamento enerxético en produción de calor producen estelas de diferentes tamaños para ser empregadas en grandes caldeiras.


Apeas de madeira queimada
As estelas son madeira triturada, sendo apta todo tipo de madeira sen tratar (restos de serradoiros e carpinterías, gallas, cortizas, tocóns, cahopas, restos de poda de xardinería,..)
Restos de tocóns pre-triturados

O material deixase secar  a temperatura ambiente até baixar o seu contido de himidade a un 20%, logo tritúrase até acadar un tamaño homoxéneo, conseguindo un almacenamento óptimo e unha boa combustión cunha mínima xeneración de cinzas e baixas emisións.

Astilladora fixa
Cinta de alimentación á tolva

 A eliminación de residuos (gallas, cortizas, raberóns,..) despois dunha corta é unha operación complementaria que non sempre se fai, pero que supón entre outras as seguintes vantaxes: facilita o acceso ao monte, reduce a presencia de enfermedades e pragas e disminue o perigo de incendios.
Sistema condución produto final


No CTB de Trasmiras realízase a recollida e almacenamento de materia prima forestal (restos procedentes de tratamentos silvícolas, destoconados, madeira queimada,..)  e o seu tratamento para a produción de estelas de varios tamaños.


Boxer almacenamento estelas
Conta cunha nave onde se realiza un cribado de limpeza, estelado mediante unha esteladora fixa que conta cun sistema de re-estelado, cribado clasificación do produto final e boxers de almacenamento.
Detalle cribado para separación de terras
Pre-trituradora de tocóns










Conta ademais cunha pre-trituradora para tocóns cun sistema de cribado para eliminación de terras

Trituradora de restos Doopstadt AK 435

No seginte enlace podedes ver un vídeo da a trituradora Doppstadt AK435 funcionando, esta máquina tamén esta presente no CTB de Trasmiras.



Podes ampliar a información sobre a CTB de Trasmiras no seguinte artigo da revista Bioenergy International Español, num 13 - 4º trimestre 201, páxinas 10 e 11.

8 mar 2012

8 de Marzo: Día internacional das mulleres



Gostei desta cita, pareceume acaida para agasallarvos nesta data reivindicativa dos nosos dereitos,  a todas as mulleres que compartides tantas horas no meu día a día, en especial ás miñas alumnas (mulleres valientes e valiosas)  que se están formando en traballos forestais  para acceder a postos de traballo tradicionalmente ocupados de xeito maioritario por homes, nos que apenas un 5% son mulleres, nos que se traballa a turnos e resulta difícil compatibilizar a vida laboral e familiar. Aquí vola deixo:

"Para todas a mulleres que algunha vez cambiaron o aceite, e non me refiro só ó da fritidora. Para as que saben que atoparse con Gauss no campo, non é ter un cita en territorios da campiña inglesa. Para as que fixeron unha rosca métrica ou Whitworth e non precisaron de forno. Para as que non preguntan en Tiffany por un anel Seiger .Para as que nunca buscarán a Madame Curie na sección de astroloxía dun xornal. Para as saben que un cegoñal non é un sitio inzado de cegoñas, nin un cabalo de vapor unha figura poética. Para aquelas que non lle entra a vena republicana cando escoitan falar da coroa do diferencial….Neste día coma hoxe, para todas elas, os meus millores desexos. Para @s demáis, tamen." Anna P.

27 feb 2012

Xestión Forestal Sustentável

Deixovos o vídeo corporativo de FSC España (Sistema de certificación de ámbito mundial, creado en 1.993 e que conta co apoio das organizacións sociais, indíxenas e ambientais, ademais dunha parte importante da industria forestal.)
FSC basease na certificación do cumplimento duns standares na xestión forestal, proporciona unha verificación independente e creible da boa xestión dos bosques, comprometida coa natureza, beneficiosa para a sociedade e economicamente viable.

26 feb 2012

Apeo con motoserra

Nos seguintes vídeos, poderedes observar a realización de cortes precisos e caidas controladas de grandes árbores:



E neste outro, o que debemos tratar de evitar:

20 feb 2012

Entroido 2012

Folión. Entroido Vilariño de Conso 2012

Danzantes, Folión Mormentelos
Porque a min gústame a xente de palabra e que sabe cumplir co que se compromete, un pequeno grupiño de 2º do Ciclo medio de Forestais participamos no concurso de Entroido do Instituto como "Folión dos forestais", e como non ía ser menos, Arrasamoooossssss!!!. Merecidísimo 1º premio.



Grazas aos que participastes por compartir e amosarnos o voso talento e as vosas tradicións que teñen un valor incalculable, grazas tamén por ser quen de mantelas vivas e por facer o esforzo de reenganchar despois da festa do Xoves de Comadres e carrexar uns tremendos bombos centos de kilómetros para achegarvos a Xinzo (ós argallantes e coordinadores do Folión, experimentados bombeiros: David das terras altas da Edrada, Vilariño de Conso e Alejandro de Punxeiro, Viana do Bolo), grazas  a voz do maior pandereteiro e cantador (Gabriel), grazas por compartir a interculturalidade (esta vai por ti, Amanda).


Que viva o Entroido, vémonos á volta!!!

12 feb 2012

Parque transfronteirizo Xurés-Gerês



Durante case 3 días alumnos/as de 2ª do Ciclo Medio e Ciclo Superior de Forestais percorremos os trilhos do Parque trnasfronteirizo Xurés-Gerês, contamos cun guia excepcional, coñecedor a fondo deste espazo, o compañeiro Marcos.

Desvelounos moitos dos segredos que agochan estas terras, a súa historia, as súas lendas e contos, os costumes dos seus moradores, os seus hábitats, a súa xeomorfoloxia, a súa diversidade vexetal e animal, as súas paisaxes,..., en fin, un longo percorrido polo noso pasado próximo e remoto, a nosa herdanza cultural, facendonos imaxinar o sentido da existencia destes espazos e a adaptación dos moradores no proceso de coevolución co medio no que habitan.

Deixovos unha secuencia de fotografias dos percursos realizados ao noso paso por estas serras escarpadas nuns días xélidos do inverno de 2012.
Chivana
Desculpas, por se algunha quedou descolocada, pero foi un traballo inxente o ter que visionar e refundir mais de 300 fotos,  máis, na miña opinión o resultado foi óptimo, grazas aos intrepidos/as reporteiros/as por tan bon traballo.


 Esta reportaxe serviranos para rememorar as imaxes pegadas nas nosas retinas durante a nosa intensa estancia pelo Parque transfronteirizo Xurés-Gerês e darnos conta novamente da grandeza e beleza dos trilhos percorridos.
As fotografias foron cedidas polos/as seguintes reporteiros gráfico/as: Gabriel, Azucena, Rumbao, Amadeo e mais eu.

2 feb 2012

2 de Febreiro, Día dos humedais

O día 2 de febreiro comemórase o Día mundial dos humedais, nesta data no ano 1971 asinouse á beira do Mar Caspio, na cidade iraní de Ramsar o convenio sobre os humedais.
O tratado dos humidais ou convención Ramsar, é un acordo intergubernamental que serve para a acción nacional e a cooperación internacional en pro da conservación e o uso racional dos humidais e os seus recursos.

 O estado español adheriuse ao Convenio en 1982, e ate a actualidade incorporou á Lista de Humedales de Importancia Internacional 68 zonas húmidas cunha superficie de 285.185 hectáreas
A maioria de zonas húmidas de importancia internacional, protexidas polo Convenio Ramsar, contan ademáis con otras figuras de protección (parque nacional, parque natural ou ZEPA).

Os ecosistemas húmidos forman parte da nosa riqueza natural contribúen á nosa saúde e benestar, controlando inundacións e repoñendo os nosos acuíferos. Estes ecosistemas estabilizan costas e protexen ás cidades e vilas contra as treboadas, reteñen e exportan sedimentos e nutrientes, depuran auga e son uns grandes reservorios de biodiversidade. Existen valores culturais ligados a estes ecosistemas, así como valores naturais que fomentan a recreación e o turismo.

Segundo a opinión de diferentes grupos ecoloxistas, apesares das figuras de protección, os humedais sufren graves problemas de conservación, favorecendo a degradación destas zonas húmidas coa consecuente ameza para as especies que nelas habitan.
Para masi info, pincha nos seguintes enlaces: Ecologistas en acción, ADEGA


20 dic 2011

Bon Nadal


Chega o inverno e alá foi o primeiro trimestre!!!! , agardo que pasedes unhas boas ferias de Nadal, que voltedes con ánimos renovados e que teñades como firme propósito para o ano 2012 superar con éxito o Ciclo, está nas vosas mans.

23 nov 2011

Identificación de cogumelos

Neste ano de escasas chuvas no Outono, os expertos coinciden en que é un mal ano para os cogumelos, houbo moito retraso na súa aparición, e de certo, algunhas especies non chegaremos a atopalas, por iso, máis que nunca, aproveitamos a cesión de exemplares da Asociación micolóxica "Os cogordos" de Ourense para afianzarnos na identificación de cogomelos.
Deixovos unha mostra de fotografias da xornada práctica desta semana, cos coñecementos adquiridos e coa utilización das guias fomos quen de identificar mais de 30 especies, parabéns!!, agora toca facelo en campo.

23-N Dia dos bosques autóctonos

Fotografia: Secundino Lorenzo
  O día dos Bosques Autóctonos nasce como unha iniciativa de diversas ONGs, vense celebrando desde hai máis de 10 anos. Esta iniciativa persigue, entre outros  obxetivos, concienciar á opinión pública sobre todo aquelo relacionado cos bosques autóctonos da Península Ibérica,  importancia das especies autóctonas no monte, necesidade de recuperar espazos degradados,  incrementar a educación medioambiental,  problemática da propagación de especies alóctonas,  potenciar a recuperación dos nosos  bosques e evitar a súa desaparición, este último feito favorecido entre outros factores polas plantaciones forestais con especies non autóctonas, realizadas desde os anos 50 do século pasado, lumes,... en perxuizo da vexetación natural existente.

Dentro da Península Ibérica, existen distintos tipos de bosques autóctonos distribuidos no territorio en función das condicións ambientais (climatolóxicas, edafolóxicas, topográficas, bióticas,..), de maneira que, desde o noroeste o sureste imos pasando dun clima máis suave en temperatura e máis húmido en precipitacións a outros máis duros en temperaturas e máis secos. No norte da Península predominan os bosques de faias, carballos, rebolos,bidos, acivros, teixos,.. e a medida que nos desplazamos ó sur os bosques predominantes son os de aciñeiras, sobreiras, sabinares, xenebreiros.

Sen esquecer a vexetación de ribeira que aproveita as condicións de humidade do solo para crear formacións boscosas denominadas de 'galería', freixos, amieiros, salgueiros, lamagueiros, son algunhas das especies que conforman a vexetación ripícola.


Os diferentes bosques autóctonos conforman un valioso patrimonio natural, somos responsables da súa conservación.

Fotografia: Bosquihermanos
Para conmemorar o día mundial dos bosques autóctonos, organizamos  para o vindeiro xoves 1 de Decembro unha plantación de especies autótonas  no monte de Candás ubicado no concello de Rairiz de Veiga, para  continuar coa restauración dunha zona asolada polo lume no ano 2006.


Esta actividade esta organizada conxuntamente co Departamento de bioloxia do IES Lagoa de Antela e o Módulo de conservación e defensa das masas forestais do IES Cidade de Antioquía, intégrase dentro do Proxecto “Recuperación de contornas naturais ", proxecto proposto e promovido polo CDR “O Viso”

Foto: Bosquihermanos
Pretendemos: promover a concienciación sobre a problemática ocasionada polos incendios forestais, a destrucción do medio natural, o cambio climático e a necesidade de conservación da nosa contorna e preservación da biodiversidade.


Deixovos unha pequena mostra do que fixemos durante dúas xornadas no monte de Candás.

14 nov 2011

Arbores e formacións senlleiras de Galicia

Fotografia: Gigantes da floresta

Castiñeiro de pumbariños
Fotografia:Alberto Conde
Nuns poucos minutos, mediante a solicitude de catalogación de árbores e formacións senlleiras do noso entorno próximo (Decreto 67/2007, do 22 de Marzo, polo que se regula o Catálogo Galego de árbores senlleiras) podemos contribuir á conservación do noso patrimonio natural, de salvagardar aos xigantes da floresta, testemuñas da nosa historia no decorrer do tempo, estas árbores representan un valioso legado e valor natural , atesouran unha beleza fascinante, fannos sentir efímeros cando repousamos ao seu lado, e son indicadores da potencia da natureza, alén de todo isto tamén nos fan reflectir sobre as agresións ás que esta sometido o medio ambiente, a fraxilidade dos ecosistemas e como por veces certas accións que de xeito impune cometemos poden resultar devastadoras.


Carballo grande Reboreda.
Foto:José Ramón González
 A Consellería de Medio Rural, elaborou en 2008 o Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, no que se recollían árbores e formacións arbóreas consideradas senlleiras ao longo da xeografia galega.





Editouse o libro"Arbores e formacións senlleiras de Galicia"   no que o traballo de campo foi realizado polo grupo de investigación do departamento de Produción Vexetal da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, nesta primeira publicación recollíanse 106 exemplares pertenecentes a 58 especies diferentes e 21 formacións arbóreas (soutos, devesas, carballeiras,..)

Fotografia:Adela Leiro
Faial de Fonteformosa




O catálogo inclúe árbores de calquera especie, merecedores de medidas específicas de protección atendendo as suas características excepcionais. Entre as últimas incorporacións figuran o Teixo de Cereixido, no concello de Quiroga, os carballos de Luxís (Castro de Rei-Lugo) e de Portacal (Sobrado dos Monxes-A Coruña)  e as tileiras prateadas do adro da igrexa de Santo Domingo (Ribadavia-Ourense).




Podes acceder e descargar o Catalogo dixital das Arbores e formacións senlleiras a través do site do Sistema de información ambiental de Galicia.  (SIAM) O catálogo aporta fichas cos datos das árbores e formacións arbóreas catalogadas, acompañadas de cuidadas fotografías, ademáis de información asobre os lugares onde se localizan.

Tamén podedes acceder a unha fermosa galeria de fotos de árbores e formacións senlleiras na web de Adela Leiro (Bióloga e profesora), recomendovos visitar a súa páxina se queredes profundizar no coñecemento dos espazos naturais galegos, amósanos unha ampla información de lugares próximos que merece a pena coñecer.


Carballa da Rocha.
Rairiz da Veig
A seguinte curtametraxe de  Andres Victorero Corpos arbóreosrelátanos por xente das comarcas onde se ubican as árbores  e especialistas en historia botánica 9 historias sobre árbores senlleiras de Galiza. Amósanos a importancia das masas arboradas que hai no pais e a súa influencia na nosa historia, costumes e tradicións.

Esta curta foi galardoada co premio “Eugenio Tutor” ó mellor traballo científico documental no 15 Festival de cine de Zaragoza 2010.



Corpos arbóreos (castellano) from Andres Victorero on Vimeo.

A árbore

Viaxeiro, escoita:
Hospital. O Incio
Fotografia:Adela Leiro
eu son a táboa do teu berce, a madeira do teu barco
a superficie da túa mesa, a porta da túa casa.
Eu son o mango da túa ferramenta,
o bastón da túa vellez.
Eu son o froito que te regala e te nutre,
a sombra benfeitora que te acobilla
contra os ardores do verán,
o refuxio amable dos paxaros
que aledaron cos seus cantos as túas horas
e limpan de insectos os teus campos.
Eu son a fermosura da paisaxe,
o encanto da horta,
o sinal da montaña,
o lindeiro do camiño...
Castiñeiro de Cernado. Manzaneda
Fotografia Adela Leiro

Eu son a leña que te quenta
nos días de inverno,
o perfume que te regala
e embalsama o aire a todas horas,
a saúde do teu corpo
e a ledicia da túa alma.
Por último, son a madeira do teu cadaleito.
Por todo isto, viaxeiro que me contemplas,
ti que me plantastes coa túa man
e podes chamarme fillo,
ou que me contemplaches tantas veces,
mírame ben, pero...
non me fagas dano.

Rabindranath Tagore.

1 nov 2011