Este Xoves 20 de marzo, o alumnado de 2º do Cm de Traballos Forestais e conservación do medio natural, como actividade final de curso, conmemoraremos o "Día da árbore" colaborando na plantación de especies autóctonas na serra de Gumariz, Cuquexos, concello dos Blancos.
Unha vez mais daremos sentido ao nome deste blogue, converténdonos en plantadores/as de árbores, contribuindo a restaurar unha zona degradada polo lume.
Con esta actividade tentamos promover a concienciación sobre a problemática ocasionada polos incendios forestais, a destrucción do medio natural e a necesidade de participar activamente na conservación da nosa contorna.
O alumnado de 2º, que desta volta , despídese do instituto, (pois como cada ano, unha nova fornada remata o ciclo) monitorearán a actividade, dando apoio e asesoramento a un numeroso grupo de escolares dos centros de primaria da vila de Xinzo da limia.
Esta iniciativa foi promovida pola Ludoteca municipal de Xinzo, darlle a noraboa pola organización e as grazas por contar con nós.
Cando teña as fotos subireinas ao blogue, pois nelas está a nosa única foto de grupo.
Sementando diversidade. O blogue de Aproveitamento do medio natural, Silvicultura e Educación ambiental do IES Cidade de Antioquía. Xinzo da Limia. Ourense
21 mar 2013
12 feb 2013
15 nov 2012
Outono de cogomelos
Para os que queirades profundizar no apaixonante mundo dos cogomelos, adiantovos dúas novidades que poden ser de interese:
- Para iniciarse na idetificación de cogomelos no campo e se ainda non tedes unha guia de cogomelos, está dispoñible unha aplicación gratuita para teléfonos móbiles con sistema operativo Android consistente nunha Clave dicotómica para identificar cogomelos chamada MicoKey, comprende as 255 especies máis comúns de Galicia, incluindo fichas con imaxe e datos de aproximadamente cen especies, podedes atopar mais información no seguinte enlace MicoKey
-Este Domingo 21 de Novembro a asociación micolóxica os Cogordos, como colofón da XII Semana micolóxica ourensá, organiza unha exposición de cogomelos no Liceo de Ourense (Rúa Lamas Carvajal) que podedes visitar durante todo o día
27 sept 2012
Herbario de Plantas aromáticas e medicinais
Aproveito esta entrada para darvos a benvida ao antigo e novo alumnado que durante este curso compartiremos unha chea de horas no módulo de Conservación e defensa das masas forestais e no módulo de Aproveitamentos forestais (ambos, do Ciclo Medio de Traballos Forestais e de conservación do medio natural).
Un bo recurso (e ademais duradeiro) para adentrarse no coñecemento das plantas aromáticas e medicinais (PAM) é confeccionar un herbario mediante o secado e prensado das plantas, nesa andaina estamos estes días os alumnos de 1º do CM de traballos forestais, e para iso tivemos en conta unha serie de pautas a seguir durante a elaboración:

- Fotografiamos previamente follas e flores, pois durante o proceso de secado esvaece a súa cor.
- Cada planta que incorporamos ao herbario esta identificada correctamente.
- Apañamos todos aqueles órganos da planta que nos axudan a identificala (follas, flores, talos, sementes e ata raíces).
- Canto máis rápido se produza o proceso de secado mellor conservarán a cor, ainda que a planta mirre un pouco. Por tanto, un elemento clave na elaboración do herbario é unha Prensa (bastidores de madeira con parafusos que nos permitan apretar, podemos improvisar con libros, tixolos,... ou calquera outro elemento que facilite o prensado).
- Colocamos cada planta limpa e seca entre follas de papel absorvente, deixandoa ben estirada, e algunha das súas follas quedando á vista o envés, a cantidade de follas de pepel absorvente entre cada planta dependendeu en función dos exemplares, aquelas plantas con follas mais zumentas necesitaron mais papeis por medio
- Cando tivemos todos os exemplares colocados, pechamos a prensa e deixámola nun lugar cálido e seco.
-Para que o proceso de secado sexa efectivo, é imprescindible a presión e unha boa ventilación, para conseguir isto último renovamos os papeis absorbentes con relativa frecuencia, sobre todo nos primeiros días, as plantas estarán secas nun período de 2 a 4 semanas aproximadamente.

No noso caso empregamos dúas modalidades para facer os herbarios, unha ao estilo clásico cunha prensa de madeira e follas de papel de periódico e unha improvisada, reutilizando cartóns de caixas (como elemento absorbente) e gomas elásticas (como elemento de presión).
Conservación posterior das plantas prensadas e secas:
Unha vez que as plantas esten secas , colocaremos cada exemplar pegado con cinta adhesiva transparente sobre cartulinas de cor branca.
Completaremos a nosa colección xuntándolle unha Ficha etnobotánica para cada especie, na que incluiremos os seguintes datos:
-Nome científico
-Nome común
-Familia botánica
-Data e lugar de recolección
-Breve descripción da planta
-Hábitat
-Propiedades terapéuticas
-Recolección
-Outros usos
E ademáis anexaremoslle dúas fotografias, unha xeral da planta e outra en detalle das flores e follas.
Chegado este punto, daremos por finalizados os nosos herbarios, so resta conservalos protexidos da humidade nunha caixa de cartón ou caderno de arandelas.
16 sept 2012
O Xardín das esencias e outras cousiñas
Cando chegas ao Instituto á volta do verán a finca de prácticas presenta un aspecto desolador, aquelas pequenas cousas que fomos facendo durante o curso parecen estar inmersas na maleza ou desbocadas, un tizne de pó proveniente da pista de motos do lado parece pousarse por todas as superficies, os ventos veraniegos foron quen de estomballar macetas e contenedores e rachar a cuberta do invernadoiro de propagación, os sainchos e outras malas herbas toparon cun hábitat idóneo para mostrarse explendorosas e campar as súas anchas, ..., as cousas que quedaron por facer, así continuan. Todo isto ten que ver coa inexistencia de persoal de mantemento durante a época estival, claro, o resto do ano estamos nós, profesores e alumnado que "tentamos" manter a raia todo isto, ainda que as veces e apesares de ter boa vontade nen sempre o consigamos.
Neste marco de despropósitos e sensación de abandono, que faria desmoronarse á persoa mais optimista, houbo varias cousas que conseguiron alegrarme a vista nestes primeiros días de paso pola escola (previos á chegada de novo e antigo alumnado), ademais fanme acreditar que a suma de pequenas accións e aunando esforzos poden chegar a facerse grandes cousas.
Unha delas foi o "Xardín das esencias", onde o arrecendo e a exuberancia dun cúmulo de plantas aromáticas e medicinais ben arraigadas e sobrevivintes aos rigores do verán (grazas ao bon funcionamento da rega durante as vacacións) conseguiron captar a miña atención, sobre todo pola vosa desconfiancia inicial ao comezar as obras e non ser capaces de visibilizar o proxecto final.Ademais, e apesares do seu reducido tamaño, alberga diversas especies de plantas medicinais e aromáticas, que concentradas neste lugarciño fan que sexan mais fácilmente recoñecibles e fáciles de aprender, polo tanto, é un bo recurso para adentrarse no coñecemento das PAM (Plantas aromáticas e medicinais), nel podemos atopar:
Mentha piperita, amentaMentha spicata, amenta, erva boa
Mentha pulegium, poexo
Melissa officinalis, erva cidreira
Helichrysum italicum, planta do curri
Hypericum perforatum, herba de San Xoán, pericón
Salvia officinalis, sarxa
Lippia triphylla, erva luisa
Tanacetum officinalis,
Tymus vulgaris, tormentelo
Tymus citriodorus, tormentelo limoeiro
Calaminta nepeta, néveda
Caléndula officinalis, caléndula
Lavandula officinalis, lavanda, esprego
Outro dos espazos nos que reparei foi o "Campo de pequenos froitos", onde un exceso de rega estival provocou un crecemento vigoroso e desmesurado, parece un campo asilvestrado e abandonado, houbo moi boa colleita de amoras e non tan boa de framboesas.
- Renovación de plástico antiervas
- Fresado
- Tendido de novos arames e colocación de tensores
- División de cepas e renovación de marras
- Eliminación de pés fora das liñas de plantación
- Abonado orgánico
- Acolchado con palla
- Poda e atado
- Substitución de laterais de rega.
Amosovos unha fotografía do seu estado actual:
E por último subliñar que as intervencións realizadas na creación dunha parcela planta forestal en macetas grandes antes de ser plantada permitiu que houbera plantas sobrevivintes que poderemos empregar nas prácticas de reforestación do presente curso escolar, algunhas macetas volcaron co vento, ficaron sen rega e,..., as árbores secaron.
As seguintes imaxes amosan un antes e un depois das vacacións, xuzgade vós mesmos:
Ahí van as operacións realizadas neste espazo:
- Desbroce e limpeza- Replanteo da parcela
- Preparación do terreo:
fresado
angazado e achairado

- Zanxa perimetral
-Colocación e fixación de malla antiervas
- Instalación de rega:
tuberias terciarias
elementos de conexión
chaves de paso
laterais porta-emisores
montaxe e instalación de "goteiros pulpo de catro lanzas" (ainda quedaron varios ramais sen rematar de instalalos),
colocación de planta
Pola nova finca de prácticas anexa ao centro ainda non pasei, e polo tanto non podo contarvos cal é a súa situación actual, agardo que todavia poidamos apreciar os traballos feitos, ao novo alumnado do módulo de Conservación e defensa das masas forestais correspóndelle dar continuidade as tarefas feitas, mantereivos informados dos avances.
12 sept 2012
III Encontro de cesteiros/as. Santa Mariña.
Despois dun parón prolongado deste blogue, voltámos á actividade co inicio do curso, e para ir abrindo boca vouvos comentar un acontecemento do que gocei neste mes de Agosto e que ten que ver con algúns dos posibles aproveitamentos do monte. Recomendo non perder en próximas edicións e agardo que esta inicitiva siga gozando de boa saude!!
"A cestería é a arte de trenzar fibras vexetais co obxecto de confeccionar recipientes para o transporte, almacenamento ou conservación ", na actualidade tamén con outros usos: decorativos, integrada como solución natural, sostenible e funcional en propostas urbanísticas, paisaxísticas, arquitectónicas e de interiorismo,...e por suposto artísticas (como podedes apreciar na fotografía)
Na segunda fin de semana de Agosto, celebrouse novamente na aldea de Santa Mariña de Augas Santas, Allariz o III Encontro de Cesteiros, dedicado nesta edición aos oficios complementarios: carpintería e forxa, necesarios na construción de ferramentas para cestear.
Tiven a sorte de pasearme por este fermoso lugar onde a tradición e a modernidade conviven á volta da cestería.
Toño de Lobeira, "O Cesteiro", investigador, recuperador e difusor da cestería tradicional, na actualidade mestre da escola de cestería de Santa Mariña, xunto co concello de Allariz é o artífice deste encontro. A escola de cestería de Santa Mariña, conta con varios anos de andaina na recuperación da tradición artesanal da zona e na formación de novos artesáns, de forma permanente exíbese unha mostra da cestería de Galicia e Norte de Portugal cunha ampla representación de pezas, ademais impártense cursos de formación nos niveis de iniciación e perfeccionamento de cesteria de vimbio, cesteria de madeira fendida, de colmo, mixta,.., obradoiros infantiles de iniciación á cesteria, que paga a pena visitar.
O Sábado pola tarde Antonio Leonardo Platón, coleccionista, investigador e docente da Universidade de Salamanca fixo unha palestra sobre "A cestería en palla de ceneto", actividade realizada maioritariamente por mulleres e prácticamente esquecida na actualidade. Durante todo o mes de Agosto expuséronse na escola de cesteria de Santa Mariña unha treintena de pezas representativas desta modalidade de cestería, realizadas por mulleres da Comunidade de Castela e León.
Tamén durante a xornada da tarde do Sábado David Pérez falounos da reexcavación arqueolóxica no castro de Armea e puidemos ver in situ os avances dos traballos realizados e Adolfo Fernández (Laboratorio de arqueoloxía da Universidade de Vigo) das excavacións no conxunto rupestre do monte señoriño nas proximidades do castro.
No Domingo, desde as primeiras horas da mañá pudemos ver por parte do alumnado da escola de cestería unha demostración de cesteria en vivo, na que se elaboraron: sebes vivas e árbores de vimbio, un cabaceiro de varas e diferentes cestos empregando técnicas variadas da cesteria: de madeira fendida, de varas, mixtos, de colmo,...Así mesmo, diferentes artesáns amosaron e puseron á venda as súas creacións e houbo demostración en vivo de forxa e carpintería.
•
27 mar 2012
Despedida 2º CM Traballos forestais
Ainss!!! O curso rematou,..., e como cada vez que isto acontece, éntrame certa vena nostálxica como a unha "mamá galiña" a quen lle costa aceptar que as/os seus poliños/as anden ao seu aire.
Foron moitas horas compartidas, e durante este tempo houbo bons e malos momentos, , cabreos, broncas malos entendidos pero tamén bos entendementos, risas, amizades,... e o que é mais importante o traballo ben feito.
Os fins de curso, sempre son algo atropelados, pois o "sprint final" sempre conleva certo agobio, tensión, nervios a flor de pel, prisas de húltima hora, centos de exames por superar, traballos pendentes,...e neste en particular certo sabor agridoce, que non esperaba, pero como a mente é selectiva, e con pensamento positivo, gústame quedarme co bo.
Apesares de tanto tempo xuntos, non sempre e fácil apreciar todas as cualidades que tedes e que vos fan grandes como personas, e unha sempre queda con certa sensación de non ter aproveitado ao máximo todo o voso potencial, porque xuntos seriamos quen de facer moitas mais e mellores cousas das que fixemos. Gústame especialmente traballar con vos fora da aula-"xaula" porque un entorno mais distendido permíte o achegamento e váleme para coñecervos un pouco mais a fondo.
Darvos as grazas en conxunto a todos/as, especialmente a aquelas persoas que coa súa creatividade, iniciativa, autonomia e boa disposición contribuiron coas súas ideas e aportacións a que esta andaina fora mais levadeira permitíndonos a todos/as aprender e medrar conxuntamente.
Agardo sinceramente que as oportunidades que teñades as aproveitedes ao máximo. Os meus mellores desexos para que a vida vos trate ben tanto no plano persoal como no profisional.
Deixovos algúns dos momentos do voso paso pola escola, espero que gardedes algunhas boas lembranzas destes dous anos compartidos nos módulos de aproveitamentos forestais e conservación e defensa de masas.
19 mar 2012
Visita: Centro transformación de biomasa
| Detalle produto final: "estelas" |
| Apeas de madeira queimada |
| Restos de tocóns pre-triturados |
O material deixase secar a temperatura ambiente até baixar o seu contido de himidade a un 20%, logo tritúrase até acadar un tamaño homoxéneo, conseguindo un almacenamento óptimo e unha boa combustión cunha mínima xeneración de cinzas e baixas emisións.
| Astilladora fixa |
| Cinta de alimentación á tolva |
A eliminación de residuos (gallas, cortizas, raberóns,..) despois dunha corta é unha operación complementaria que non sempre se fai, pero que supón entre outras as seguintes vantaxes: facilita o acceso ao monte, reduce a presencia de enfermedades e pragas e disminue o perigo de incendios.
| Sistema condución produto final |
No CTB de Trasmiras realízase a recollida e almacenamento de materia prima forestal (restos procedentes de tratamentos silvícolas, destoconados, madeira queimada,..) e o seu tratamento para a produción de estelas de varios tamaños.
| Boxer almacenamento estelas |
| Detalle cribado para separación de terras |
| Pre-trituradora de tocóns |
Conta ademais cunha pre-trituradora para tocóns cun sistema de cribado para eliminación de terras
| Trituradora de restos Doopstadt AK 435 |
No seginte enlace podedes ver un vídeo da a trituradora Doppstadt AK435 funcionando, esta máquina tamén esta presente no CTB de Trasmiras.
Podes ampliar a información sobre a CTB de Trasmiras no seguinte artigo da revista Bioenergy International Español, num 13 - 4º trimestre 201, páxinas 10 e 11.
8 mar 2012
8 de Marzo: Día internacional das mulleres
Gostei desta cita, pareceume acaida para agasallarvos nesta data reivindicativa dos nosos dereitos, a todas as mulleres que compartides tantas horas no meu día a día, en especial ás miñas alumnas (mulleres valientes e valiosas) que se están formando en traballos forestais para acceder a postos de traballo tradicionalmente ocupados de xeito maioritario por homes, nos que apenas un 5% son mulleres, nos que se traballa a turnos e resulta difícil compatibilizar a vida laboral e familiar. Aquí vola deixo:
"Para todas a mulleres que algunha vez cambiaron o aceite, e non me refiro só ó da fritidora. Para as que saben que atoparse con Gauss no campo, non é ter un cita en territorios da campiña inglesa. Para as que fixeron unha rosca métrica ou Whitworth e non precisaron de forno. Para as que non preguntan en Tiffany por un anel Seiger .Para as que nunca buscarán a Madame Curie na sección de astroloxía dun xornal. Para as saben que un cegoñal non é un sitio inzado de cegoñas, nin un cabalo de vapor unha figura poética. Para aquelas que non lle entra a vena republicana cando escoitan falar da coroa do diferencial….Neste día coma hoxe, para todas elas, os meus millores desexos. Para @s demáis, tamen." Anna P.
27 feb 2012
Xestión Forestal Sustentável
Deixovos o vídeo corporativo de FSC España (Sistema de certificación de ámbito mundial, creado en 1.993 e que conta co apoio das organizacións sociais, indíxenas e ambientais, ademais dunha parte importante da industria forestal.)
FSC basease na certificación do cumplimento duns standares na xestión forestal, proporciona unha verificación independente e creible da boa xestión dos bosques, comprometida coa natureza, beneficiosa para a sociedade e economicamente viable.
FSC basease na certificación do cumplimento duns standares na xestión forestal, proporciona unha verificación independente e creible da boa xestión dos bosques, comprometida coa natureza, beneficiosa para a sociedade e economicamente viable.
26 feb 2012
Apeo con motoserra
Nos seguintes vídeos, poderedes observar a realización de cortes precisos e caidas controladas de grandes árbores:
E neste outro, o que debemos tratar de evitar:
E neste outro, o que debemos tratar de evitar:
20 feb 2012
Entroido 2012
| Folión. Entroido Vilariño de Conso 2012 |
| Danzantes, Folión Mormentelos |
Que viva o Entroido, vémonos á volta!!!
Suscribirse a:
Entradas (Atom)



















