27 ago. 2011

Serra do Courel : Paisaxes para non esquecer, lugares para voltar



Rematou o curso .... e logo comenza outro. Proposta para o final do verán: Serra do Courel.

Durante o curso, algúns  tivestes a oportunidade de coñecer a serra  do Courel, eu,  nas vacacións de Semana Santa tamén andiven por estas fermosas terras, para os/as que non fostes á excursión vou aportar algunha información, agardo que así  vos pique a curiosidade de percorrer in situ O Courel como proposta para o final do verán (para aqueles/as aos que non vos toque traballar), pois, estou certa que superará con creces as vosas expectativas se queredes gozar de natureza vizosa.

Pincheira Vieiros

A Serra do Courel está situada no Suroeste da provincia de Lugo. No Courel  a vexetación responde a unhas condicións climatolóxicas nas que conflúen os ambientes atlántico e mediterráneo.



Presenta acusadas diferencias de altitude que van desde os 400 metros nalgúns vales ate os 1.600 nos cumios, estas caracteristicas xunto coas condicións edafolóxicas dan lugar a diferentes ecosistemas,  sendo o seu froito unha grande variedade botánica , claramente manifestada no feito de que nestas terras atópase unha elevada porcentaxe de diversidade da flora galega.



Nas ladeiras abruptas dos cordais montañosos, habitualmente orientadas ao Norte, xurden as  "devesas", a de mais sona é "A devesa da Rogueira" situada na ladeira norte do pico Formigueiros.

A ubicación en ladeiras moi encostada conleva á estratificación de especies vexetais acordes á altitude, existindo unha gradación que vai desde os soutos de castiñeiros e diversas especies herbáceas nos lameiros da aldea de Moreda ate diferentes especies arboreas e arbustivas como: Aciñeiras, Faias, Carballos, Rebolos, Pradairos, Bidos, Avelairas, Freixos, Teixos, Acivros, Capudres, Érvedos, Arandos,.... A humidade proveniente de numerosos regatos que atravesan a devesa é unha constante, este espazo da acobillo e alimento a variada fauna.

No alto a "Fonte do cervo", dunha mesma rocha dous manantiais próximos entre si verten augas con características e propiedades diferentes: un deles auga calcárea e o outro auga ferruxinosa, as propiedades curativas destas augas gozan de boa fama nas xentes das aldeas próximas.

Cinco ríos discorren polo Courel: Lor, Pequeno, Ferreiros, Selmo e Soldón.

A diversidade de fauna que podemos atopar no Courel está vencellada á diversidade de vexetación, paisaxes e ecosistemas agro-florestais, existindo mais de 160 especies de vertebrados: xabarín, corzo, lobo, a marta, garduña, lagarto ocelado, miñato, aguia culebreira, bufo real, bubelas, papamoscas, alondras,.... No seguinte enlace "Paxaradas.blogspot"  podedes visualizar imaxes das diferentes especies da fauna que habita no Courel

Alcouves de Xan do Vilar
O Courel ademais ten un alto valor etnográfico, cultural e histórico, podémonos atopar con restos de fortificacións como a de Carbedo en Esperante, castros celtas (Vilar, Megoxe, Torre),  restos de antigas minas a ceo aberto (onde en épocas anteriores se explotaba o ouro, estaño, cobre, chumbo e antimonio), sendo a mina da Toca na parroquia de Seoane e a de Toribio na de Esperante  as  mais importantes.
Museo etnográfico na ladea do Vilar:
Serra de aire
Nas aldeas: casas agrupadas, con cuberta de lousa, corredores de madeira,..numerosas manifestacións dunha variada arquitectura popular: ferreirías, sequeiros, muiños,alvarizas, pontellas,.....
 No seguinte enlace , un vídeo demostrativo do uso da serra de aire , foi grabado durante a festa da serra de aire no pobo de Ferreirós de abaixo 


O Courel é o territorio galego con maior xeodiversidade, atesoura fósiles e formacións xeolóxicas antigas, difíciles de restituir se nos encargamos de degradar apresuradamente o que ó longo da historia tantos miles de anos levou facer.
Existen numerosos  trillos de sendeirismo ben sinalizados para percorrer estas terras, no seguinte enlace  " Roteiros pola natureza" podedes atopar información dalgúns dos roteiros posibles para adentrarse no Courel, unha delicia aoparse con algúns dos seus habitantes case sempre dispostos a dar conversa e contar parte da súa historia no Courel.
 
Na actualidade e apesares dos valores ecolóxicos, ambientais, culturais e etnográficos atribuibles á serra do Courel, segue sen ter unha figura de protección apropiada que impida as agresións ambientais que se levan a cabo na comarca con repercusións irreparabeis para os veciños, ecosistemas, os elementos culturais, a paisaxe,...  Mágoa!!!!

Mostra dalgunhas desfeitas no Courel no seguinte vídeo, correpóndese co programa do "Escarabajo verde": O Courel sale a la pizarra. PARTE 1


Nas seguintes páxinas  (ademais dos enlaces que aparecen ao longo do texto) poderas atopar información de interese sobre O Courel:
-Asoc. Fonte do milagro
- Serra do Courel
- "Dez Outonos no Courel", Colección fotográfica de Xoán Piñón, fermosísimas fotos do Courel

 Deixovos co anaco dun poema do gran poeta do Courel Uxio Novoneyra
                         
Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe!
Eiquí síntese ben o pouco que é un home.
Augas brancas da Rogueira!
Bouzas pechas d'uces e xestas!
Abrairas teixos faias xardois e reboleiras!
Outo bosco calado!
Fontiñas do corzo!
Carrozos picafondo!
Non hai outro templo máis vasto
nin outro credo
que este silencio

Uxío Novoneyra

20 ago. 2011

II Encontro de cesteiros, Santa Mariña. Patrimonio e recursos: A multifuncionalidade do monte.

Na pasada fin de semana (13 e 14 de Agosto), celbrouse na fermosa aldea de Santa Mariña de Augas Santas, Allariz o II Encontro de Cesteiros, dedicado nesta edición aos novos/as cesteiros/as, e como non, por alí andiven eu:




"A cestería é a arte de trenzar fibras vexetais co obxecto de confeccionar recipientes para o transporte, almacenamento ou conservación ", na actualidade tamén con outros usos: decorativos, integrada como solución natural, sostenible e funcional en propostas urbanísticas, paisaxísticas, arquitectónicas e de interiorismo,...






Toño de Lobeira, "O Cesteiro",  investigador, recuperador  e difusor da cestería tradicional, na actualidade mestre da escola de cestería de Santa Mariña, xunto co concello de Allariz é o artífice deste encontro, Toño ademais de amigo é un valioso portador do coñecemento tradicional do oficio de cesteiro,  desde un enfoque multidisciplinar posto que ademais de dominar as técnicas de trenzado das diferentes fibras vexetais, posúe coñecementos de botánica (manéxase á perfección os montes da contorna, coñecendo as especies cesteables, os seus hábitats, as épocas de recolección, as técnicas para preservar a diversidade vexetal), así como doutros oficios ferreiro, carpinteiro,... necesarios para complementar o traballo  na construcción de ferramentas, traballos coa madeira,...., en resumen "un mil mañas" con mil historias e anécdotas que contar na súa longa traxectoria como cesteiro.

O Sábado pola tarde realizamos unha "Visita guiada de botánica e arqueoloxía", a parte da visita botánica
foi guiada polos cesteiros Idoia Cuesta e Toño de Lobeira, con eles pudemos ver a plantación de vimbios cultivados de diferentes especies de salgueiros empregados como materia prima na cesteria de varas: Salix viminalis, Salis trianda, Salix salvifolia, Salix alba,... explicaronos as características e cualidades de cada unha das especies, a continuación realizamos un percorrido na calurosa tarde baixo a sombra amable de soutos e carballeiras polo monte da contorna para coñecer in situ os recursos botánicos cesteables presentes: avelairas, cerdeiras, silveiras, sangriños, carballos, castiñeiros,...

 Idoia Cuesta é autora do libro " Guía de las plantas cesteables de Galicia" editado polo Centro de Artesania e Deseño-INLUDES e Deputación provincial de Lugo.

No fin do traxecto David Pérez falounos da reexcavación arqueolóxica no castro de Armea e Adolfo Fernández  (Laboratorio de arqueoloxía da Universidade de Vigo) das excavacións realizadas no conxunto rupestre do monte señoriño nas proximidades do castro.



No Domingo, a xornada dedicouse aos "Novos cesteiros/as"  formados na súa maioria na Escola de cesteria municipal  ubicada na  aldea de Santa Mariña, durante todo o día, desde as primeiras horas da mañá poidemos ver unha demostración de cesteria en vivo, na que se elaboraron: sebes vivas e árbores de vimbio, un cabaceiro de varas, unha grade de corres e diferentes cestos empregando técnicas variadas da cesteria: de madeira fendida, de varas, mixtos, de colmo,...

Así mesmo, diferentes artesáns amosaron as súas creacións, participaron:
Mª Isabel Torres,elaboración de sombreiros de palla, polainas e corozas de xunco, Mazaricos, A Coruña
Carliños Gonzalez, Cesteria de vimbios, O Courel, Lugo.
Mª Jesus Labrador, cestría creativa, Ourense
Francisco Valle, Cesteria de xesta e palla, Vilardevós, Ourense
Toño González, Mestre da escola de cesteria de Allariz
Alumnos/as da escola de cestería, demostracións de: cesteria viva, creativa, de madeira fendida, de vimbio, de colmo, mixta,

Durante toda a xornada, os máis pequenos puderon iniciarse no mundo da cestería  no obradoiro infantil de cestería dirixido por Mª Jesus Labrador.

Nas seguintes  fotografias podedes apreciar algúns dos máxicos momentos da xornada:



A Escola de cestería de Santa Mariña, conta con 3 anos de andaina na recuperación da tradición artesanal  da zona e na formación de novos artesáns, nela, exíbese de forma permanente unha mostra da cestería de Galicia e  Norte de Portugal cunha ampla representación de pezas, ademais impártense cursos de formación nos niveis de iniciación e perfeccionamento de cesteria de vimbio, cesteria de madeira fendida, de colmo, mixta,.., obradoiros infantiles de iniciación á cesteria.

Non deixedes de visitala!!!


" O Monte é algo mais cun conxunto de árbores, e polo tanto temos que descubrilo desde outras olladas,...., A multifuncionalidade pasa a ser a ferramenta básica para poder acadar un manexo sostible do monte e unir pasado, presente e futuro" (Xabier Bruña Garcia) .

Falar de multifuncionalidade do monte conleva recoñecer a multitude de produtos e servizos que o monte pode fornecer, entre eles o patrimonio arqueolóxico, cultural e histórico que compre valorizar para que estes elementos non pasen desapercibidos á sociedade, xa que son anacos da nosa cultura

Parabéns ao Concello de Allariz por recoñecer o patrimonio cultural e arqueolóxico do monte como posibilitador de dinamización socioeconómica do territorio, porque é un bon camiño para unha xestión integral dos nosos montes.