27 sept 2012

Herbario de Plantas aromáticas e medicinais



Aproveito esta entrada para darvos a benvida ao antigo e novo alumnado que durante este curso compartiremos unha chea de horas no módulo de Conservación e defensa das masas forestais e no módulo de Aproveitamentos forestais (ambos, do Ciclo Medio de Traballos Forestais e de conservación do medio natural).

Un bo recurso  (e ademais duradeiro) para adentrarse no coñecemento das plantas aromáticas e medicinais (PAM) é confeccionar un herbario mediante o secado e prensado das plantas, nesa andaina estamos estes días os alumnos de 1º do CM de traballos forestais, e para iso tivemos en conta unha serie de pautas a seguir durante a elaboración:


- Fotografiamos previamente follas e flores, pois durante o proceso de secado esvaece a súa cor.


- Cada planta que incorporamos ao herbario esta identificada correctamente.

- Apañamos todos aqueles órganos da planta que nos axudan a identificala (follas, flores, talos, sementes e ata raíces).


- Canto máis rápido se produza o proceso de secado mellor conservarán a cor, ainda que a planta mirre un pouco. Por tanto, un elemento clave na elaboración do herbario é unha Prensa (bastidores de madeira con parafusos que nos permitan apretar, podemos improvisar con libros, tixolos,... ou calquera outro elemento que facilite o prensado).

- Colocamos cada planta limpa e seca entre follas de papel absorvente, deixandoa ben estirada, e algunha das súas follas quedando á vista o envés, a cantidade de follas de pepel absorvente entre cada planta dependendeu en función dos exemplares, aquelas plantas con follas mais zumentas necesitaron mais papeis por medio

- Cando tivemos todos os exemplares colocados, pechamos a prensa e deixámola nun lugar cálido e seco.

-Para que o proceso de secado sexa efectivo, é imprescindible a presión e unha boa ventilación, para conseguir isto último renovamos os papeis absorbentes con relativa frecuencia, sobre todo nos primeiros días, as plantas estarán secas nun período de 2 a 4 semanas aproximadamente.


No noso caso empregamos dúas modalidades para facer os herbarios, unha ao estilo clásico cunha prensa de madeira e follas de papel de periódico e unha improvisada, reutilizando cartóns de caixas (como elemento absorbente) e gomas elásticas (como elemento de presión).

Conservación posterior das plantas prensadas e secas:

Unha vez que as plantas esten secas , colocaremos cada exemplar pegado con cinta adhesiva transparente sobre cartulinas de cor branca.

Completaremos a nosa colección xuntándolle unha Ficha etnobotánica para cada especie, na que incluiremos os seguintes datos:

-Nome científico
-Nome común
-Familia botánica
-Data e lugar de recolección
-Breve descripción da planta
-Hábitat
-Propiedades terapéuticas
-Recolección
-Outros usos
E ademáis anexaremoslle dúas fotografias, unha xeral da planta e outra en detalle das flores e follas.

Chegado este punto, daremos por finalizados os nosos herbarios, so resta conservalos protexidos da humidade nunha caixa de cartón ou caderno de arandelas.

16 sept 2012

O Xardín das esencias e outras cousiñas

 

 Cando chegas ao Instituto á volta do verán  a finca de prácticas presenta un aspecto desolador, aquelas pequenas cousas que fomos facendo durante o curso parecen estar inmersas na maleza ou desbocadas, un tizne de pó proveniente da pista de motos do lado parece pousarse por todas as superficies, os ventos veraniegos foron quen de estomballar macetas e contenedores e rachar a cuberta do invernadoiro de propagación, os sainchos e outras malas herbas toparon cun hábitat idóneo para mostrarse explendorosas e campar as súas anchas, ..., as cousas que quedaron por facer, así continuan. Todo isto ten que ver coa inexistencia de persoal de mantemento durante a época estival, claro, o resto do ano estamos nós, profesores e alumnado que "tentamos" manter a raia todo isto, ainda que as veces e apesares de ter boa vontade nen sempre o consigamos.

Neste marco de despropósitos e sensación de abandono, que faria desmoronarse á persoa mais optimista, houbo varias cousas que conseguiron alegrarme a vista nestes primeiros días de paso pola escola (previos á chegada de novo e antigo alumnado), ademais fanme acreditar que a suma de pequenas accións e aunando esforzos poden chegar a facerse grandes cousas.




Unha delas foi o "Xardín das esencias", onde o arrecendo e a exuberancia dun cúmulo de plantas aromáticas e medicinais ben arraigadas e sobrevivintes aos rigores do verán (grazas ao bon funcionamento da rega durante as vacacións) conseguiron captar a miña atención, sobre todo pola vosa desconfiancia inicial ao comezar as obras e non ser capaces de visibilizar o proxecto final.

Pois ben, teño que dicir que este xardín minimalista de baixo mantemento, consegiu recuperar un espazo degradado e infrautilizado e que ademais é a entrada á finca, convertíndose nun lugar alegre e colorista de acollida para os que se achegan a finca de prácticas, onde o arrecendo e a vistosidade das plantas resultan un pracer para os sentidos.  Parabéns a este proxecto que desenvolvestes no Módulo de Instalacións baixo a coordinación de Pepe Rodríguez ao abeiro do Programa Voz Natura.


Ademais, e apesares do seu reducido tamaño, alberga diversas especies de plantas medicinais e aromáticas, que concentradas neste lugarciño fan que sexan mais fácilmente recoñecibles e fáciles de aprender, polo tanto, é un bo recurso para adentrarse no coñecemento das PAM (Plantas aromáticas e medicinais), nel podemos atopar:


Mentha piperita, amenta

Mentha spicata, amenta, erva boa

Mentha pulegium, poexo 

Melissa officinalis, erva cidreira 

Helichrysum italicum, planta do curri

Hypericum perforatum, herba de San Xoán, pericón 

Salvia officinalis, sarxa

Lippia triphylla, erva luisa

Tanacetum officinalis,

Tymus  vulgaris, tormentelo

Tymus citriodorus, tormentelo limoeiro

Calaminta nepetanéveda

Caléndula  officinalis, caléndula 

Lavandula officinalis, lavanda, esprego

Rosmarinus postrata, romeu



Outro dos espazos nos que reparei foi o "Campo de pequenos froitos", onde un exceso de rega estival provocou un crecemento vigoroso e desmesurado, parece un campo asilvestrado e abandonado, houbo moi boa colleita de amoras e non tan boa de framboesas.

Lembrovos as intervencións que neste espazo fixemos durante o curso:

- Renovación de plástico antiervas
- Fresado
- Tendido de novos arames e colocación de tensores
- División de cepas e renovación de marras
- Eliminación de pés fora das liñas de plantación
- Abonado orgánico
- Acolchado con palla
- Poda e atado
- Substitución de laterais de rega.

Amosovos unha fotografía  do seu estado actual:


 E por último subliñar que as intervencións realizadas na creación dunha parcela planta forestal en macetas grandes antes de ser plantada permitiu que houbera plantas sobrevivintes que poderemos empregar nas prácticas de reforestación do presente curso escolar, algunhas macetas volcaron co vento, ficaron sen rega e,..., as árbores secaron.

As seguintes imaxes amosan un antes e un depois das vacacións, xuzgade vós mesmos:


Ahí van as operacións realizadas neste espazo:  

- Desbroce e limpeza

- Replanteo da parcela

- Preparación do terreo:

      fresado
      angazado e achairado

- Zanxa perimetral

-Colocación e fixación de malla antiervas

- Instalación de rega:

       tuberias terciarias
 
       elementos de conexión

       chaves de paso

       laterais porta-emisores

       montaxe e instalación de "goteiros pulpo de catro lanzas" (ainda quedaron varios ramais sen  rematar de instalalos),  
      colocación de planta  
 

Pola nova finca de prácticas anexa ao centro ainda non pasei, e polo tanto  non podo contarvos cal é a súa situación actual, agardo que todavia poidamos apreciar os traballos feitos, ao novo alumnado do módulo de Conservación e defensa das masas forestais correspóndelle dar continuidade as tarefas feitas, mantereivos informados dos avances.

12 sept 2012

III Encontro de cesteiros/as. Santa Mariña.



Despois dun parón prolongado deste blogue, voltámos á actividade co inicio do curso, e para ir abrindo boca vouvos comentar un acontecemento do que gocei neste mes de Agosto e que ten que ver con algúns dos posibles aproveitamentos do monte. Recomendo non perder en próximas edicións e agardo que esta inicitiva siga gozando de boa saude!!



"A cestería é a arte de trenzar fibras vexetais co obxecto de confeccionar recipientes para o transporte, almacenamento ou conservación ", na actualidade tamén con outros usos: decorativos, integrada como solución natural, sostenible e funcional en propostas urbanísticas, paisaxísticas, arquitectónicas e de interiorismo,...e por suposto artísticas (como podedes apreciar na fotografía)


Na segunda fin de semana de Agosto, celebrouse novamente na aldea de Santa Mariña de Augas Santas, Allariz o III Encontro de Cesteiros, dedicado nesta edición aos oficios complementarios: carpintería e forxa, necesarios na construción de ferramentas para cestear.
Tiven a sorte de pasearme por este fermoso lugar onde a tradición e a modernidade conviven á volta da cestería.


Toño de Lobeira, "O Cesteiro",  investigador, recuperador  e difusor da cestería tradicional, na actualidade mestre da escola de cestería de Santa Mariña, xunto co concello de Allariz é o artífice deste encontro. A escola de cestería de Santa Mariña, conta con varios anos de andaina na recuperación da tradición artesanal  da zona e na formación de novos artesáns,  de forma permanente exíbese unha mostra da cestería de  Galicia e  Norte de Portugal cunha ampla representación de pezas, ademais impártense cursos de formación nos niveis de iniciación e perfeccionamento de cesteria de vimbio, cesteria de madeira fendida, de colmo, mixta,.., obradoiros infantiles de iniciación á cesteria, que paga a pena visitar.

O Sábado pola tarde Antonio Leonardo Platón, coleccionista,  investigador e docente da Universidade de Salamanca  fixo unha palestra sobre  "A cestería en palla de ceneto", actividade realizada maioritariamente por mulleres e prácticamente esquecida na actualidade. Durante todo o mes de Agosto expuséronse na escola de cesteria de Santa Mariña unha treintena de pezas representativas desta modalidade de cestería, realizadas por mulleres da Comunidade de Castela e León.


Tamén durante a xornada da tarde do Sábado David Pérez falounos da reexcavación arqueolóxica no castro de Armea e puidemos ver in situ os avances dos traballos realizados e Adolfo Fernández  (Laboratorio de arqueoloxía da Universidade de Vigo) das excavacións  no conxunto rupestre do monte señoriño nas proximidades do castro.


No Domingo, desde as primeiras horas da mañá pudemos ver por parte do alumnado da escola de cestería unha demostración de cesteria en vivo, na que se elaboraron: sebes vivas e árbores de vimbio, un cabaceiro de varas e diferentes cestos empregando técnicas variadas da cesteria: de madeira fendida, de varas, mixtos, de colmo,...Así mesmo, diferentes artesáns amosaron e puseron á venda as súas creacións e houbo demostración en vivo de forxa e carpintería.