27 ago 2011

Serra do Courel : Paisaxes para non esquecer, lugares para voltar



Rematou o curso .... e logo comenza outro. Proposta para o final do verán: Serra do Courel.

Durante o curso, algúns  tivestes a oportunidade de coñecer a serra  do Courel, eu,  nas vacacións de Semana Santa tamén andiven por estas fermosas terras, para os/as que non fostes á excursión vou aportar algunha información, agardo que así  vos pique a curiosidade de percorrer in situ O Courel como proposta para o final do verán (para aqueles/as aos que non vos toque traballar), pois, estou certa que superará con creces as vosas expectativas se queredes gozar de natureza vizosa.

Pincheira Vieiros

A Serra do Courel está situada no Suroeste da provincia de Lugo. No Courel  a vexetación responde a unhas condicións climatolóxicas nas que conflúen os ambientes atlántico e mediterráneo.



Presenta acusadas diferencias de altitude que van desde os 400 metros nalgúns vales ate os 1.600 nos cumios, estas caracteristicas xunto coas condicións edafolóxicas dan lugar a diferentes ecosistemas,  sendo o seu froito unha grande variedade botánica , claramente manifestada no feito de que nestas terras atópase unha elevada porcentaxe de diversidade da flora galega.



Nas ladeiras abruptas dos cordais montañosos, habitualmente orientadas ao Norte, xurden as  "devesas", a de mais sona é "A devesa da Rogueira" situada na ladeira norte do pico Formigueiros.

A ubicación en ladeiras moi encostada conleva á estratificación de especies vexetais acordes á altitude, existindo unha gradación que vai desde os soutos de castiñeiros e diversas especies herbáceas nos lameiros da aldea de Moreda ate diferentes especies arboreas e arbustivas como: Aciñeiras, Faias, Carballos, Rebolos, Pradairos, Bidos, Avelairas, Freixos, Teixos, Acivros, Capudres, Érvedos, Arandos,.... A humidade proveniente de numerosos regatos que atravesan a devesa é unha constante, este espazo da acobillo e alimento a variada fauna.

No alto a "Fonte do cervo", dunha mesma rocha dous manantiais próximos entre si verten augas con características e propiedades diferentes: un deles auga calcárea e o outro auga ferruxinosa, as propiedades curativas destas augas gozan de boa fama nas xentes das aldeas próximas.

Cinco ríos discorren polo Courel: Lor, Pequeno, Ferreiros, Selmo e Soldón.

A diversidade de fauna que podemos atopar no Courel está vencellada á diversidade de vexetación, paisaxes e ecosistemas agro-florestais, existindo mais de 160 especies de vertebrados: xabarín, corzo, lobo, a marta, garduña, lagarto ocelado, miñato, aguia culebreira, bufo real, bubelas, papamoscas, alondras,.... No seguinte enlace "Paxaradas.blogspot"  podedes visualizar imaxes das diferentes especies da fauna que habita no Courel

Alcouves de Xan do Vilar
O Courel ademais ten un alto valor etnográfico, cultural e histórico, podémonos atopar con restos de fortificacións como a de Carbedo en Esperante, castros celtas (Vilar, Megoxe, Torre),  restos de antigas minas a ceo aberto (onde en épocas anteriores se explotaba o ouro, estaño, cobre, chumbo e antimonio), sendo a mina da Toca na parroquia de Seoane e a de Toribio na de Esperante  as  mais importantes.
Museo etnográfico na ladea do Vilar:
Serra de aire
Nas aldeas: casas agrupadas, con cuberta de lousa, corredores de madeira,..numerosas manifestacións dunha variada arquitectura popular: ferreirías, sequeiros, muiños,alvarizas, pontellas,.....
 No seguinte enlace , un vídeo demostrativo do uso da serra de aire , foi grabado durante a festa da serra de aire no pobo de Ferreirós de abaixo 


O Courel é o territorio galego con maior xeodiversidade, atesoura fósiles e formacións xeolóxicas antigas, difíciles de restituir se nos encargamos de degradar apresuradamente o que ó longo da historia tantos miles de anos levou facer.
Existen numerosos  trillos de sendeirismo ben sinalizados para percorrer estas terras, no seguinte enlace  " Roteiros pola natureza" podedes atopar información dalgúns dos roteiros posibles para adentrarse no Courel, unha delicia aoparse con algúns dos seus habitantes case sempre dispostos a dar conversa e contar parte da súa historia no Courel.
 
Na actualidade e apesares dos valores ecolóxicos, ambientais, culturais e etnográficos atribuibles á serra do Courel, segue sen ter unha figura de protección apropiada que impida as agresións ambientais que se levan a cabo na comarca con repercusións irreparabeis para os veciños, ecosistemas, os elementos culturais, a paisaxe,...  Mágoa!!!!

Mostra dalgunhas desfeitas no Courel no seguinte vídeo, correpóndese co programa do "Escarabajo verde": O Courel sale a la pizarra. PARTE 1


Nas seguintes páxinas  (ademais dos enlaces que aparecen ao longo do texto) poderas atopar información de interese sobre O Courel:
-Asoc. Fonte do milagro
- Serra do Courel
- "Dez Outonos no Courel", Colección fotográfica de Xoán Piñón, fermosísimas fotos do Courel

 Deixovos co anaco dun poema do gran poeta do Courel Uxio Novoneyra
                         
Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe!
Eiquí síntese ben o pouco que é un home.
Augas brancas da Rogueira!
Bouzas pechas d'uces e xestas!
Abrairas teixos faias xardois e reboleiras!
Outo bosco calado!
Fontiñas do corzo!
Carrozos picafondo!
Non hai outro templo máis vasto
nin outro credo
que este silencio

Uxío Novoneyra

No hay comentarios:

Publicar un comentario

anotaciones