27 sept 2012

Herbario de Plantas aromáticas e medicinais



Aproveito esta entrada para darvos a benvida ao antigo e novo alumnado que durante este curso compartiremos unha chea de horas no módulo de Conservación e defensa das masas forestais e no módulo de Aproveitamentos forestais (ambos, do Ciclo Medio de Traballos Forestais e de conservación do medio natural).

Un bo recurso  (e ademais duradeiro) para adentrarse no coñecemento das plantas aromáticas e medicinais (PAM) é confeccionar un herbario mediante o secado e prensado das plantas, nesa andaina estamos estes días os alumnos de 1º do CM de traballos forestais, e para iso tivemos en conta unha serie de pautas a seguir durante a elaboración:


- Fotografiamos previamente follas e flores, pois durante o proceso de secado esvaece a súa cor.


- Cada planta que incorporamos ao herbario esta identificada correctamente.

- Apañamos todos aqueles órganos da planta que nos axudan a identificala (follas, flores, talos, sementes e ata raíces).


- Canto máis rápido se produza o proceso de secado mellor conservarán a cor, ainda que a planta mirre un pouco. Por tanto, un elemento clave na elaboración do herbario é unha Prensa (bastidores de madeira con parafusos que nos permitan apretar, podemos improvisar con libros, tixolos,... ou calquera outro elemento que facilite o prensado).

- Colocamos cada planta limpa e seca entre follas de papel absorvente, deixandoa ben estirada, e algunha das súas follas quedando á vista o envés, a cantidade de follas de pepel absorvente entre cada planta dependendeu en función dos exemplares, aquelas plantas con follas mais zumentas necesitaron mais papeis por medio

- Cando tivemos todos os exemplares colocados, pechamos a prensa e deixámola nun lugar cálido e seco.

-Para que o proceso de secado sexa efectivo, é imprescindible a presión e unha boa ventilación, para conseguir isto último renovamos os papeis absorbentes con relativa frecuencia, sobre todo nos primeiros días, as plantas estarán secas nun período de 2 a 4 semanas aproximadamente.


No noso caso empregamos dúas modalidades para facer os herbarios, unha ao estilo clásico cunha prensa de madeira e follas de papel de periódico e unha improvisada, reutilizando cartóns de caixas (como elemento absorbente) e gomas elásticas (como elemento de presión).

Conservación posterior das plantas prensadas e secas:

Unha vez que as plantas esten secas , colocaremos cada exemplar pegado con cinta adhesiva transparente sobre cartulinas de cor branca.

Completaremos a nosa colección xuntándolle unha Ficha etnobotánica para cada especie, na que incluiremos os seguintes datos:

-Nome científico
-Nome común
-Familia botánica
-Data e lugar de recolección
-Breve descripción da planta
-Hábitat
-Propiedades terapéuticas
-Recolección
-Outros usos
E ademáis anexaremoslle dúas fotografias, unha xeral da planta e outra en detalle das flores e follas.

Chegado este punto, daremos por finalizados os nosos herbarios, so resta conservalos protexidos da humidade nunha caixa de cartón ou caderno de arandelas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

anotaciones